Entrega de premios do Concurso de logo e lema para a nosa biblioteca

Xa temos logo e lema para a nosa biblioteca!

En novembro o equipo da biblioteca convocou un concurso para elexir o noso logo e lema. Participaron alumnos de 1º de Bacharelato. Colaboraron coa biblioteca os profesores de Tecnoloxía do centro aos que estamos moi agradecidos. A elección dos gañadores foi complicada por mor da gran calidade dos traballos presentados.

Este é o logo e lema que resultaron gañadores e que a partir de agora empregaremos no noso blogue a nas comunicacións da nosa biblioteca.

Esta é a foto de entrega dos premios.

Advertisement

Representación teatral dos alumnos do Club de lectura de 4º de ESO para os alumnos de Primaria do colexio Fernández Latorre

Os alumnos do Club de lectura de 4º de ESO representaron o día 19 de decembro no colexio de Infantil e Primaria Fernández Latorre a obra teatral “Se suspende la función”. Esta obra xa foi representada no IES Monelos e na Biblioteca do Castrillón. Queríamos difundila na comunidade escolar e no barrio porque é unha actividade de lectura e expresión moi formativa para achegar o teatro a todos e fomentar a lectura deste xénero moitas veces esquecido.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Visita dos alumnos de 1º de ESO á biblioteca do Castrillón

Os alumnos de 1º de ESO, acompañados dos seus profesores, visitaron a biblioteca do noso barrio de Monelos os días 18, 19 e 20 de decembro, contribuindo así á formación de usuarios e a reforzar a nosa relación coa biblioteca do Castrillón coa que vimos colaborando dende hai varios anos. Os alumnos mostráronse moi interesados polas distintas seccións da biblioteca e levaron libros para vacacións.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Premios do Concurso do Samaín no IES Monelos

A finais deste trimestre fixemos entrega dos premios aos gañadores do Concurso “Adiviña de que obra de terror estamos a falar”. Participaron alumnos da ESO e de 1º de Bacharelato. Ao longo dunha semana publicamos no noso blogue as pistas para adiviñar as obras de terror que suxerimos e os alumnos participantes buscaron información na nosa biblioteca, tanto en soporte dixital como impreso, para descubrir as solucións. Os gañadores foron dous alumnos de 1º de Bacharelato, dúas alumnas de 4º de ESO en unha alumna de 3º de ESO.

Os premios consistiron nunha entrada de cine e un libro para cada un que seguramente aproveitaran para disfrutar este Nadal.

Recomendacións de libros para Nadal do IES Monelos

Dende o IES Monelos desexamos a todos un bo Nadal e enviamos as nosas recomendacións de lecturas para disfrutar nestas festas.

Cómic

Para os máis novos:

El fantasma de Anya, Vera Brosgol, ed. Norma Editorial

Que farías se tiveses unha amiga que é un fantasma? Ás veces os fantasmas teñen segredos e o de Emily pode ser TERRORÍFICO…

Para os maiores:

Thermae Romae, Mari Yamazaki, ed. Norma Editorial

Un manga divertido e diferente.Lucius Modestus, un arquitecto da Roma clásica, perdeu a inspiración e non sabe como saír do paso. Acode ás termas esperando recibir a visita das musas, pero no seu lugar atopa un portal espaciotemporal que o transporta a uns baños públicos xaponeses. Lucius aproveita a inspiración recollida nestas viaxes para revolucionar a vida romana e conseguir e favor do emperador.

Poesía

Para os máis novos

Poemar o mar, Ed. Xerais

O mar é o gran protagonista deste libro de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2017.
Un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que chora por dentro e cala por fóra…

Para os maiores:

Poetízate, Fran Alonso, ed. Xerais

Unha divertida antoloxía poética: case 200 poemas de 80 autores, de Rosalía a hoxe. Unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Fran Alonso tenta levar a poesía á xente que non está afeita a lela.

Libros divulgativos

Para os máis novos:

El misterio de la vida, Jan Paul Schutten, Ed. Maeva

Cantas células tes? Que sucede no teu corpo para manterse san? Que funciona mellor que a natureza? Sabías que todas as formigas da Terra xuntas pesan máis que todos os humanos, elefantes e rinocerontes? … A estas e a moitas máis complexas preguntas responde o autor neste libro, poñendo en xogo toda a súa habilidade, que é moita, e grandes doses de humor.

Para os maiores:

Feminismo para principiantes, Nuria Varela, ed. Zeta Bolsillo.

Quen eran as sufraxistas? De onde sae o feminismo radical? Por que o feminismo  foi vilipendiado e ridiculizado? En que consiste a masculinidade? A partir destes interrogantes, entre outros, a autora repasa tres séculos de facer e desfacer o mundo e de alumear líderes fascinantes, e narra a aventura dunha axitación social que ningún outro movemento conseguiu manter tanto tempo.

Vivencias e emocións

Para os máis novos:

Boy, relatos de la infancia, ed. Santillana

Boy é a historia da infancia de Roald Dahl. Momentos familiares maravillosos mestúranse  con outros tristes e,  a aventuras cheas  de perigo,  seguen outras moi graciosas. A perda do seu pai e da súa irmá , o gran complot dos ratos, as vacacións nunha illa  remota, os castigos do colexio e o  paseo que casi lle costa o nariz son algúns dos inolvidables episodios deste libro cheo de emocións.

Para os maiores:

O sol do verán, Carlos Casares, ed. Galaxia

Unha historia de amor e morte; tamén, canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida. A enorme riqueza de O sol do verán reside no poder evocador das lembranzas e na capacidade do autor para compartilas.

Mundo científico

¿Por qué el cielo es azul? La ciencia para todos, Javier Fernández Panadero, ed. Páginas de Espuma.

Co  desexo de dar aos seus alumnos respostas rigorosas e, ao mesmo tempo, despertar a súa motivación cara a investigación e o desenvolvemento do espíritu científico, o autor reúne esta serie de 202 cuestións que están agrupadas nestes grandes temas: A Terra, O corpo humano, Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía, Aparatos, Economía e Matemáticas. O libro  complétase cun práctico e preciso índice analítico.

Temática histórica

Para os máis novos:

Diario, Ana Frank, Ed. Plaza y Janés

A moza xudía, Ana, relata no seu diario a súa estancia e a da súa  familia, perseguidos pola Xestapo, nunha tobeira humana durante máis de dous anos. Desde o seu encerro  contaranos as súas experienzas cotiás, a incomunicación da súa familia, o medo e o e descubrimento do amor.

Para os maiores:

Los pacientes del doctor García, Almudena Grandes, Ed. Tusquets editores

Thriller e novela de espías, Los pacientes del doctor García é talvez a historia máis internacional e trepidante de Almudena Grandes. É a súa narración máis ambiciosa, na que conecta acontecementos reais e descoñecidos da segunda guerra mundial e o franquismo, para construír as vidas duns personaxes que non só comparten a sorte de España, senón tamén a de Arxentina.