DÍa da poesía: lembrando a Miguel Hernández

Este ano, e neste mes, cúmprense 80 anos do pasamento, no cárcere de Alicante, de Miguel Hernández, un poeta que se definiu a si mesmo como barro, elemental e humano. Os seus versos teñen a forza da auga que baixa a torrentes pola ladeiras, do lóstrego que parte en dous o ceo e nos deslumbra, da ferramenta que fai nacer o suco na terra. Por esta razón, o IES Monelos quere rendir homenaxe á voz deste poeta cunha lembranza dalgúns momentos da súa vida e obra e ademais, co contacto cun centro de ensino secundario de Orihuela, terra natal do autor. O noso alumnado está a traballar cos poemas de Miguel Hernández, con ilustracións, reinterpretacións, caligramas… O resultado desta experiencia será un intercambio de traballos e cartas cos rapaces do centro de Orihuela.

Agardamos que esta iniciativa, apoiada pola Biblioteca municipal do Castrillón, axude a achegar a poesía de Miguel Hernández á nosa rapazada e a darlle protagonismo á lírica como palabra esencial e verdadeira.