Libros Delicatessen: Para ler e degustar

Voltamos por uns intres á nosa infancia, cando os libros nos engaiolaban polas súas imaxes, aínda antes de saber ler. Libros cheos de suxestións que chaman aos sentidos como unha invitación a recrearnos na súa factura. Verdadeiras xoias para levar connosco este verán onde queira que vaiamos.

Alumnos e alumnas de 2º de ESO recoméndannos as súas lecturas favoritas para o tempo de lecer, gravadas na radio do noso centro. As atoparedes nesta ligazón.

https://cotarelomonelos.blogspot.com/2023/06/radio-monelos-lectura-para-este-veran.html?m=1

Rompendo tópicos: achegamento á cultura xitana a través da música e a poesía

Os días 4 e 5 de maio tivemos a oportunidade de gozar de varias sesións de poesía, acompañada de guitarra española, a cargo de dous membros da Fundación Pere Closa. Esta Fundación foi creada en 1998 en Cataluña para promover a educación dos nenos e nenas xitanas e difundir unha identidade sen prexuizos sobre este pobo, tan integrado na nosa sociedade. Con este motivo, presentar a historia e a realidade do pobo xitano ao alumnado de 2º de ESO, Sebastián e Rafael achegáronse ao noso centro e, en catro sesións dunha hora, expuxeron cal é a orixe desta etnia, como chegaron a España, foron duramente marxinados e, finalmente, como a literatura recolle a vida dos xitanos e os seus costumes.

Leron poemas de Lorca e dos escritores xitanos Joaquín Albaicín e José Heredia Maya, o máis importante poeta xitano en España. A lectura foi acompañada do son da guitarra a ritmo de soleás e seguidillas.

A experiencia foi inesquecible. Por unha banda, o alumnado viviu intensamente a poesía recitada en voz alta e unida á musica dun instrumento tan cálido como a guitarra, e por outra, destruíronse tópicos sobre esta raza, tradicionalmente marxinada.

En definitiva, emoción e formación ética a un mesmo tempo.

A gran festa do libro no IES Monelos

Esta mañá foi especial porque celebramos unha gran festa. Os protagonistas foron eses seres silenciosos que saíron dos seus andeis para achegarse a nós: os libros, as lecturas para todos. Nesta mostra participou a Biblioteca Municipal do Castrillón que nos emprestou libros de edicións Delicatessen e tamén exemplares como agasallo para aqueles que quixesen adoptalos.

As alumnas do grupo de Voluntariado da Biblioteca atenderon a exposición.

A profesora de Bioloxía de 4º de ESO traballou co seu alumnado para expoñer libros de contido científico. Os alumnos elaboraron unha reseña de cada libro.

Finalmente, a coordinadora da Biblioteca recolleu as composicións e poemas do seu alumnado de 2º de ESO e editounos no Libro dos Xograres. Os traballos foron ilustrados polos alumnos creadores dos textos.

Un novo número do xornal da Biblioteca foi editado e difundido neste Día do Libro para toda a comunidade educativa.

Lectura dramatizada para 1º de ESO

O pasado xoves, día 30 de marzo, alumnado de 2º de ESO levou a cabo unha lectura dramatizada da obra “Las piernas de Amaidú” de Luis Matilla. Á lectura asistiron os seus compañeiros de grupo e todos os alumnos e alumnas de 1º de ESO.

Esta obra foi ensaiada nos recreos e nas horas do mediodía, antes das clases dos martes pola tarde. A coordinadora da Biblioteca do centro foi a encargada de dirixir a este grupo de alumnos que se presentou voluntario para esta iniciativa. Algúns deles forman parte do voluntariado da biblioteca.

A representación durou 50 minutos e ao longo dese tempo os alumnos puideron presenciar en escea a temática das minas antipersoas e os feridos e mortos que causan. Unha reflexión sobre a necesidade de suprimir as armas no mundo e sobre a capacidade de ser feliz a pesar da dor.

Visita á Biblioteca do Castrillón para entrega de premios

O alumnado de 2º de ESO do IES Monelos, acompañado pola súa profesora de Lingua castelá e coordinadora da Biblioteca, acudiu ás instalacións da Biblioteca Municipal do Castrillón para a entrega de premios do concurso “Cartas de amor”, no que participaron varios alumnos e alumnas.

Previamente, no mes de decembro, as bibliotecarias municipais acudiron ao noso centro con maletas cheas de libros de poesía e outros xéneros, cos que a profesora introduciu ao alumnado no mundo da creación poética e emprestou o material para a lectura individual. Estas lecturas facíanse nas clases de Lingua castelá e na Hora de ler.

Unha vez entregados os traballos dos participantes sobre a temática do amor, nas súas diversas manifestacións, procedeuse a envialas á Biblioteca Municipal que, finalmente, fixo entrega dos premios o mércores día 29. Os gañadores recibiron como premio libros marabillosos e, a continuación, a rapazada puido disfrutar das instalacións e curiosear entre os andeis da biblioteca.

Día internacional das Matemáticas no IES Monelos

Con motivo do Día internacional das Matemáticas, que este ano tivo como lema “As Matemáticas para todos”, organizouse, a cargo do Departamento desta materia, unha exposición na que se apreciaba que nas artes, na poesía, nos traballos manuais, no teatro e no xogo hay “Matemáticas para todo o mundo”. Entre o material exposto figuraban varios libros e xogos seleccionados da biblioteca do centro.

Celebración do Día da Muller no IES Monelos

O equipo de Biblioteca organizou, para conmemorar este día dedicado á muller, un concurso no que puido participar todo o alumnado do centro. Tratábase de adiviñar a correspondencia entre cada obra literaria, escrita por unha muller, e unha pista dada. Eran 16 obras e 16 pistas. Estiveron encargadas da xestionar a participación as alumnas voluntarias da Biblioteca. De entre as papeletas presentadas, escolleranse as correctas e sortearase un agasallo. A participación foi numerosa. É unha forma de render homenaxe as mulleres escritoras e achegar a súa obra ao alumnado, fomentando así a lectura e o descubrimento.

Visita do alumnado de 2º de ESO á Residencia Torrente Ballester

O pasado día 19 de decembro, o alumnado de 2º de ESO do noso instituto acudiu á Residencia de Maiores Torrente Ballester para ler aos residentes textos poéticos de Rosalía de Castro e, en prosa, de Xosé Neira Vilas e Castelao. Acompañaron aos rapaces a coordinadora da biblioteca do IES Monelos, que organizou a visita xunto con Alicia Pérez, bibliotecaria da Biblioteca Municipal do Castrillón. A lectura foi seguida de música a cargo de tres intérpretes que acudiron con Alicia Pérez.

Ao remate, os alumnos entregaron aos maiores postais de Nadal elaboradas por todos os grupos de 2º de ESO. Quixemos levar un anaquiño de ilusións aos nosos avós e avoas nestas datas tan especiais. A experiencia foi marabillosa e inesquecible. Os rapaces falaron cos residentes e fixéronse fotos con eles.

Día das Bibliotecas no IES Monelos

Para conmemorar este día, o equipo de Biblioteca organizou unha visita do alumnado de 1º de ESO á Biblioteca Municipal do Castrillón. Alí coñeceron os diferentes espazos, as recomendacións lectoras das bibliotecarias e puideron curiosear entre os andeis. Foi unha xornada de formación e lecer na que a rapazada participou facendo suxestións e preguntando dúbidas.

Ao mesmo tempo, proxectamos no vestíbulo do centro un power point sobre a vida e obra de María Casares, pois o 21 de novembro cúmprense 100 anos do seu nacemento. Ademais, un grupo de alumnos de 2º de ESO prepararon un coloquio sobre a actriz galega, documentándose previamente mediante uns cadernos didácticos cedidos polo Concello da nosa cidade e que foron traballados na aula coa coordinadora da Biblioteca. Os alumnos gravarán un podcast na radio do centro o vindeiro mércores día 2 de novembro.